Thursday 31 de October de 2024

Seivane recorda a súa antecesora Áurea Rodríguez que actuou en público cando a palabra “gaiteira” tiña un significado negativo


A artista compartiu esta tarde as súas inquedanzas como profesional da música nun ciclo “As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo”, organizado polo Concello, en que o Goberno de Inés Rey quere dar a coñecer a traxectoria de oito mulleres referentes en distintos ámbitos

A gaiteira Susana Seivane protagonizou hoxe o ciclo “As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na CasaMuseo”, organizado polo Concello en colaboración coa Real Academia Galega, en que falou da súa responsabilidade artística e o orgullo “tremendo” que sente ao saber que as nenas a ven coma un referente.

O obxectivo destas conversas é a procura da perspectiva do acadado desde a época de Emilia Pardo Bazán, sinala a alcaldesa, Inés Rey, e “que cada participante fale da súa traxectoria profesional e das dificultades que tiveron por seren mulleres.

Son charlas que non só recordan a escritora senón que traen o seu legado á actualidade”. Rey foi precisamente a encargada de inaugurar as conversas o pasado mes de marzo para compartir a súa experiencia no eido da política.

Nesta caso, a charla de Seivane, conducida polo xornalista Manuel Rodríguez, serviu para recordar unha traxectoria que comezou aos tres anos para se converter Nota de Prensa nunha pioneira da gaita. Tamén recordou as súas antecesoras e como lle influíron na súa carreira: “Mulleres que tocasen a gaita sempre as houbo, pero os prexuízos sociais, o machismo, impedía que o fixeran en público e sobre os escenarios.

A palabra gaiteira ata tiña un significado negativo: no dicionario de Juan Cuviero Piñol, de 1876, atribúeselle o significado de muller alegre e casquivana”. Seivane recordou que o primeiro gran grupo galego formado só por gaiteiras constituíuse en Ribadeo en 1960 baixo o nome As Meniñas da Saudade: “O meu avó falaba delas con admiración”, contou a intérprete, que tivo a honra de coñecer a parte das integrantes da banda. Pero antes delas, engadiu, “cómpre lembrar outro nome que merece estar nos libros de historia da música: o de Áurea Rodríguez”.

Para a experta, Áurea foi unha auténtica pioneira ao ser a primeira muller da que se ten constancia en Galicia que actuase publicamente como gaiteira e líder da banda que formou cos seus irmáns, Os Marabillas. Relatou que ela era tamén a directora artística e a representante: “O grupo chegou a actuar na Arxentina e na prensa cualificárona como a reina de la gaita gallega. A última actuación de Áurea da que se ten noticia foi no ano 1945 en Venezuela, despois perdéuselle a pista”. Malia a súa relevancia, a gaiteira lamentou que Áurea Rodríguez non saia nos libros escolares de historia da música: “Aparezo eu como exemplo de gaiteira e os nenos e nenas non saben que eu tiven unha digna precursora”.

A artista abordou a situación actual das mulleres no mundo da música e pechou o acto interpretando un par de pezas xunto a súa irmá, a luthier Saínza Seivane, o seu fillo Fiz no bombo e o seu afillado Brais no tambor, cos que formou a “banda do balcón” para animar a veciñanza de Cambre durante o confinamento.

A actividade, enmarcada dentro dos actos polo centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, continuará o 3 de xuño coa xornalista, escritora e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, que conversará con Pepe Castro sobre “Sororidade”: tecer redes entre mulleres